Programa político
O programa político da Presidencia española recolle os asuntos que o Goberno español considera prioritarios para a UE e que desexa impulsar durante o semestre.
As prioridades da Presidencia española xirarán arredor de catro eixes:
- A aplicación fiel e decidida do Tratado de Lisboa, que entrou en vigor o pasado 1 de decembro. A Presidencia conta cun marco xurídico reforzado para impulsar a nova Europa, o cal necesitamos, nun momento de extraordinario significado político.
- A necesidade de impulsar unha maior coordinación das políticas económicas para xestionar as estratexias de saída da crise, para afianzar a recuperación, para promover unha nova etapa de crecemento, para volver crear emprego e para manter altos niveis de protección social. A Presidencia impulsará a innovación, a loita contra o cambio climático e a axenda social europea.
- O reforzo da Unión como actor político decisivo na globalización. A Presidencia marcouse o obxectivo de reforzar o papel de Europa na nova escena internacional, como actor dinámico na promoción da estabilidade e do progreso. As figuras do presidente do Consello e do alto representante permitirán reforzar a imaxe da unidade de Europa no exterior.
- A promoción de iniciativas que reforcen e garantan os dereitos dos cidadáns europeos, con especial atención á igualdade efectiva entre mulleres e homes. A Presidencia proseguirá a loita a favor da erradicación de todas as formas de violencia de xénero iniciará o proceso de adhesión da UE ao Convenio Europeo de Dereitos Humanos e impulsará a xestión da inmigración nas súas diversas dimensións, dende a integración e cooperación cos países de orixe e tránsito, ata a loita contra as mafias de tráfico de persoas.
